Javier Vidal participou nunha xornada informativa a equipos directivos
O Director Xeral de Universidades do Ministerio de Educación e Ciencia afirmou ante una importante representación dos equipos directivos da Universidade de Vigo que "o próximo curso haberá un marco claro sobre a organización das ensinanzas", toda vez que o vindeiro mes de setembro aparezan publicados no BOE os Reais Decretos de organización das ensinanzas e de acreditación do profesorado, nos que se traballa na actualidade.
Javier Vidal García que participou xunto José Ramón Leis, Director Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, nunha xornada informativa desenvolvida no Salón de Actos da E.T.S.E de Telecomunicación, centrou a súa exposición nas novidades que o derradeiro borrador do Real Decreto de Ordenación das Ensinanzas introduce, para despois responder ás dúbidas que a norma xera na comunidade universitaria.
Derradeiras modificacións no borrador do Real Decreto
Vidal que afirmou que o derradeiro borrador do Real Decreto non contén grandes cambios, respecto ao difundido no último ano, si destacou algunhas modificacións que se introduciron como por exemplo a mellora na transición do bacharelato ao ensino universitario, a flexibilización do recoñecemento dos créditos ou as ensinanzas de doutorado. O Director Xeral de Universidades do MEC destacou ademais a maior flexibilidade que se produce na modificación dos planos de estudo que serán propostos polas universidades, así como a necesidade de que o período de transición ata a total implantación do novo sistema, sexa o máis curto posible.
Para Vidal, o Real Decreto que ten por obxecto establecer a estrutura das ensinanzas universitarias oficiais españolas, de acordo coas liñas xerais
emanadas do Espazo Europeo de Educación Superior e de confirmade coa LOU, debe servir para mellorar e modernizar o sistema universitario para que estea ao servizo da sociedade.
Títulos de grao, plan piloto e papel do profesorado
O Director Xeral de Universidades referiuse na súa intervención a outras cuestións concretas do Real Decreto como o establecemento dos títulos de grao, unha cuestión na que dixo "é inviable poñer de acordo a 46 países".
Sen embargo, Vidal apuntou que a armonización nesta cuestión non se refire aos nomes ou contidos, senón a existencia dunha estrutura común.
Así mesmo Javier Vidal defendeu a necesidade de endurecer os requisitos esixidos para a elaboración dun plan de estudos, ao tempo que animou ás universidades a probar cousas novas. Neste sentido defendeu os plans pilotos que asegurou "non son experimentitos", senón algo serio que noutros países de Europa xa se considera parte do proceso do adaptación ao EEES.
Vidal foi tan categórico á hora de defender o establecemento de 240 créditos para a obtención do título de graduado, como á de rexeitar a aprobación de dobres titulacións. En relación coa dedicación do profesorado afirmou que "será a mesma que calquera funcionario, aínda que é difícil establecer un equilibrio entre as actividades de xestión, docencia e investigación", polo que augurou que non é previsible que haxa un sistema homoxéneo.
Na sesión tamén tomou parte José Ramón Leis: Unha oportunidade de renovación no SUG
Atopámonos ante unha oportunidade única para ordenar a oferta universitaria en Galicia. Así o expuxo Jose Ramón Leis, director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia nesta xornada."Temos o borrador e, en breve, estará dispoñible o Decreto. Agora comeza o verdadeiro traballo das universidades, considerou.
Para Leis, que levou a cabo toda a súa carreira profesional como docente universitario, a peza clave deste proceso van ser os plans de estudo, "se logramos acertar con estes plans todo o proceso terá éxito pero, se estes fallan, estaremos a falar dun fracaso", asegurou. "Neste senso, é vital deseñar títulos adaptados ás necesidades dos alumnos, pero que tamén respondan ao que precisan os empregadores", asegurou.
"Necesitamos ser imaxinativos, ao tempo que realistas, saber ata onde podemos chegar", sinalou Leis, quen tamén asegurou que "na elaboración dos plans de estudo é necesario contar coa participación dos sectores no que van traballar os egresados e non centrarse só en elaborar plans academicamente impecables".
A viabilidade académica dos títulos será, segundo se expuxo na súa intervención, un criterio clave para a aprobación dos mesmos e, de forma máis xeral, para a avaliación das universidades e dos seus centros. "Vai haber unha acreditación dos títulos que se baseará sobre todo na verificación dos cumprimentos dos obxectivos iniciais", comentou. Como exemplos de posibles indicadores Leis mencionou o número de novos alumnos ou o tempo medio de permanencia.
Centrándose na oferta de titulacións do Sistema Universitario Galego, o director xeral precisou que estamos no momento idóneo para buscar novas vías, xa que cada escola ou facultade pode formular as súas propias ideas. Isto vai implicar, segundo expuxo na súa intervención, un cambio de mentalidade importante, non só por parte de docentes e investigadores, senón tamén dos propios estudantes que van ter que mudar totalmente o seu modo de estudar.
No referente ao custe do proceso, Leis salientou a dificultade de dar unha reposta global xa que depende do deseño dos novos plans e da xestión dos créditos ECTS. "O noso obxectivo para a lexislatura é o 1% do PIB que supón un incremento superior ao 0.1 con respecto ás previsións do plan de financiamento vixente", salientou.
O director xeral aproveitou tamén a ocasión para anunciar que no vindeiro mes de setembro o Consello Galego de Universidades terá listo un documento que establecerá temas aínda por determinar como o número mínimo de estudantes en primeiro curso, a cantidade de opcionalidade que pode ter un título de grado ou como se pode facer un título compartido entre varias universidades galegas.
martes, 10 de julio de 2007
O Director Xeral de Universidades do MEC confirma que o próximo curso haberá un marco claro sobre a organización das ensinanzas universitarias
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario